🏫Titoría e relación Familia-Colexio

 

A función fundamental da titoría é ser a figura de referencia para o alumnado e as súas familias: guiando e apoiando ao alumnado no seu proceso de aprendizaxe e crecemento persoal; e actuando como vínculo entre o centro, o alumno/a e o seu fogar.
Os principais obxectivos para os titores son:

  · Atender as necesidades académicas e persoais do alumnado.
  · Establecer un clima de confianza e colaboración entre o titor, a familia e o alumnado.
  · Realizar un seguimento académico e persoal individualizado dos alumnos e alumnas.
  · Establecer un traballo de colaboración estreita co Departamento de Orientación para unha atención integral.

A participación das familias é fundamental para o éxito educativo. Polo que mantemos unha comunicación constante e transparente a través de:

  · Reunións informativas para presentar o plan de estudos e as dinámicas de aula.
  · Reunións persoais para abordar o desenvolvemento e progreso individual do alumnado.
  · Informacións a través da plataforma Alexia, asegurando unha comunicación áxil e directa.

🎓Benvidos á Familia Vedruna

 

“ A educación non cambia o mundo, cambia ás personas que van cambiar ó mundo.” – Paulo Freire

A Educación Primaria (6-12 anos) supón a consolidación das aprendizaxes fundamentais e o desenvolvemento de competencias clave. Nesta etapa, acompañamos ao alumnado na adquisición de coñecementos, destrezas e actitudes que serán a base do seu percorrido académico e persoal. Impulsamos o pensamento crítico, a autonomía, o traballo cooperativo e a creatividade, preparando aos estudantes para os retos futuros.

🎓 Metodoloxía: Os Nosos Rasgos Identificativos

👨‍👩‍👧 Cercanía e Acompañamento:

Para o noso centro é moi  importante o vínculo entre  profesorado, alumnado e familias, fomentando un clima de confianza, diálogo e traballo, onde todos se sintan escoitados e valorados. A cercanía do profesorado é clave para o desenvolvemento integral dos nosos alumnos e alumnas.

💚 Valores Vedruna:

o carácter pastoral do noso centro é un alicerce moi importante. Baseándonos nos ensinos de Santa Xoaquina de Vedruna, buscamos que os vosos fillos e fillas desenvolvan valores como o respecto, a solidariedade, o compromiso cos demais, a xustiza e a compaixón. Facémolo a través de diversas actividades e proxectos, para que crezan non só en coñecementos, senón tamén como boas persoas.

🧠 Aprendizaxe significativa:

a nosa meta é lograr o desenvolvemento integral da persoa a través de aprendizaxes significativas, nas que cada alumno é protagonista. Partindo das necesidades do alumnado, potenciamos as súas capacidades, favorecemos a súa autonomía e espertamos a súa creatividade por medio de proxectos, traballo cooperativo, aprendizaxe na contorna e participación en actividades propostas por o concello.

💻 Plan Dixital:

Preparamos o alumnado para a era dixital. Todas as aulas contan con taboleiros dixitais e, a partir de 4º de primaria, fan uso dos Chromebooks en diversas materias. Cada estudante dispón dunha conta educativa Google e usamos para dinamizar as clases aplicacións educativas como Edpuzzle.

🌏 Plurilingüísmo:

O inglés é tratado como lingua vehicular en materias non lingüísticas como Educación Artística e Musical e Educación Física. Ademais, o alumnado dispón dunha sesión semanal cun profesor nativo para potenciar a fluidez e a confianza.