Historia

Colexio S. José H.H. Carmelitas da Guarda

Inicio do Centro

Foi unha tarde do mes de outubro de 1893 cando Dona Vicenta Rodríguez Cachada entregou ao notario un gran sobre pechado, dicíndolle que era o seu testamento. Dous meses despois, tras o seu pasamento, abríase o sobre na Casa Consistorial da Guarda ante a expectación dos veciños da vila.
Dona Vicenta era viúva e o seu único fillo morrera moi novo en Porto Rico, polo que a súa vida estaba entregada á piedade e á caridade. Era ben coñecida por todos pola súa xenerosidade.
A súa herdeira universal foi a Madre Dolores Pallés de San Estanislao, provincial de Vitoria da congregación de HH Carmelitas da Caridade, e o testamento establecía que aqueles bens debían empregarse na fundación dun colexio na vila da Guarda, no que recibisen educación gratuita as nenas pobres da localidade, podendo admitirse alumnas internas e externas de pago.
A noticia espallouse rapidamente pola localidade: “A Guarda tería un colexio para nenas, doado por Dona Vicenta”. Así, o 20 de marzo de 1894 chegaban á Guarda as Irmás Carmelitas, instalándose inicialmente na casa da súa benefactora. Na casa do Cruceiro comezaron o seu apostolado, convertindo en oratorio o cuarto no que Dona Vicenta entregara o seu testamento e exhalara o seu último suspiro.
A Madre María Mensa e as Irmás Cristina, Josefa, Paz e Querubín foron as primeiras mestras, e xa no mes de abril, as dependencias da casa estaban ateigadas de alumnas gratuitas e de pago, aínda que sen admitir todavía internas por falta de local.

Mentres isto sucedía, avanzaban os traballos de construción do novo colexio, no que todavía sen rematar, empezarían as clases o 5 de xullo de 1896.
O labor das Irmás foi dende un principio moito máis aló do estritamente ducacolelgioantiguosanxosetivo: trataban de solventar as necesidades da vila, axudaban a moitas persoas sen recursos, púñanse á disposición das autoridades para o que fixese falta… Sirva como exemplo o seu labor ante a gravísima epidemia de gripe do ano 1918, evitando os perigos do contaxio, mérito recoñecido publicamente nunha carta do Concello.
Foron 85 os anos de dedicación e entrega á mocidade da Guarda neste primeiro colexio San José no que se sucederon moitas xeracións. Pero o centro facíase pequeno e non respondía ás necesidades e esixencias da educación, polo que houbo que buscar outro solar no que construír un colexio máis funcional e moderno. En setembro de 1980 inaugúrase o actual edificio e, un ano máis tarde, as canchas e patios exteriores.
Comeza a súa andadura con dezaoito Irmás na comunidade, das cales doce forman parte da Comunidade Educativa, xunto a cinco profesores seglares que colaboran no labor académico.
Na actualidade, o número de vocacións é menor e, como consecuencia, hai menos Irmás no colexio, pero a pesar diso, o obxectivo segue sendo permanecer aberto ás necesidades do contorno e acompañar os alumnos, ao par das súas familias, na súa formación, transmitindo valores como a alegría, o traballo, o respecto, a solidariedade…
Dende 1894 o labor das irmás continúa, poñendo o seu gran de area na FORMACIÓN E EDUCACIÓN de moitas xeracións da nosa vila, A Guarda.